Sunday 28 de April de 2024

As zonas de baño do litoral carballés obteñen a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria da Xunta


 Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Arnados, Pedra do Sal, Razo, Ría de Baldaio e Saíñas

 O Concello de Carballo ten implantado un sistema de xestión ambiental que ten como obxectivo converter as praias nun referente de aproveitamento sostible

Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Pedra do Sal, Razo (que a efectos de salvamento divídese en tres: Cabreira, Intermedia e Posto), Arnados (que inclúe tamén a Explanada), Ría de Baldaio e Saíñas. Todas acadan a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2023 que vén de remitir a Consellería de Sanidade ao Concello de Carballo, e que podes consultar no documento anexo.
A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do noso litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano o distintivo da Bandeira Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001, o EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.
Dende o ano 2014 temos implantado un sistema de xestión ambiental, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente. Ao mesmo tempo seguimos a traballar noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos seus usuarios e usuarias, coma a redución da velocidade dos vehículos nas zonas de acceso, a extensión da rede de abastecemento de auga a todo o litoral, as campañas de sensibilización ambiental que levamos a cabo coa colaboración de entidades ecoloxistas ou a implicación municipal na conservación da píllara das dunas, unha especie ameazada que estamos intentando protexer sinalizando debidamente os seus niños, e que desde aquí aproveitamos para pedirvos que respectedes e fagades respectar.